SOBRE MIN
Son historiadora da arte e creadora de Zapireza Estudio, un estudio de ilustración botánica e deseño.
Medrei rodeada de papel, pinturas e materiais, nun entorno no que a creación formaba parte do cotián.
Dende pequena observei o traballo do meu pai, ebanista, debuxando planos e modelos para os seus proxectos. A súa forma de pensar a través do debuxo e a precisión coas mans foi unha das miñas primeiras referencias creativas.
Co tempo, o debuxo converteuse para min nunha forma de expresión íntima, non centrada na perfección, senón na capacidade de transmitir o que observo e sinto.
Entendo o debuxo como unha ferramenta de conexión e tamén como unha forma de rexistro do vivido.
O meu traballo nace da observación da natureza e das historias persoais. As plantas, os espazos e as vivencias convértense en punto de partida para as miñas pezas.
Interésame especialmente a idea de permanencia, que as imaxes conten historias, que os saberes e as formas de entender o mundo non se perdan, senón que queden recollidos en papel e obxectos que os acompañen no tempo.
Cada proxecto parte dun proceso pausado. Mirar, debuxar, entender a sombra e transformar esa imaxe nunha peza final que pode habitar papel, obxectos ou deseños para momentos especiais.